Friday 19 de April de 2024

O goberno municipal presenta as propostas económicas que leva ao pleno deste 10 de novembro


O goberno local pobrense leva ao pleno extraordinario deste 10 de novembro de 2021 numerosas cuestións que, segundo cualificou o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), resultan de “gran importancia polo elevado volume de investimentos”.

A concelleira da Facenda, Charo Varela (Nós Pobra) encargouse de explicar as propostas dende o punto de vista da facenda local. Indicou que o aforro conseguido nos últimos exercicios dou como resultado un remanente do ano 2020 de 1.500.000 euros, que permite agora, na situación de crise xerada polo COVID-19 afrontar numerosos gastos extraordinarios relacionados coa pandemia, así como completar as partidas necesarias para a actualización dos gastos de persoal e dos servizos básicos (recollida de lixo, abastecemento de auga, etc.), tamén permitirá algúns investimentos e a concesión de subvencións nominativas a clubs deportivos, entidades do sector educativo e á Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal. Acádase a cifra de 963.000 euros, reservando polo tanto máis de 500.000 euros para os vindeiros anos, tal e como aconsella a prudencia e a responsabilidade de cara a afrontar unha situación impredecible no eido económico.

No relativo aos créditos con cargo a préstamos bancarios, a cifra situarase en 1.597.000 euros cos que financiar diversas actuacións en tódalas áreas do Concello, pois contémplanse obras de saneamento, pavimentacións, melloras de instalacións deportivas e outros edificios públicos, adquisición de vehículos, melloras na accesibilidade, etc. Charo Varela manifestou que se trata de intervencións “de suma importancia para o noso concello” que “van a supoñer un cambio significativo na mellora de servizos.”

A concelleira de Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE) indicou á súa vez que traballaron nisto “con moita precaución e serenidade”, “poñendo por diante as persoas e ao colectivo social nun momento moi importante para activar o benestar das veciñas e veciños.” Quixo tamén como titular da área da Cultura, destacar a importancia da adquisición da Casa da Cadea para incrementar o patrimonio público.

Doutra banda, a edil do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), definiu estas inversións como “inclusivas e sostibles” que, ademais de abranguer tódalas áreas, se desenvolverán en todo o territorio, tanto na zona rural como na urbana. Rematou a súa intervención declarando que “este goberno busca facilitar o día a día dos veciños e veciñas” cuns investimentos que “supoñen o impulso decisivo para o futuro da Pobra do Caramiñal.”

Todas estas cuestións serán levadas á sesión plenaria desta tarde que o rexedor cualificou como “a máis importante do que vai de mandato” e que “permitirá superar o estrangulamento que a pandemia supuxo para a administración local”. Tamén sinalou a gran capacidade de endebedamento coa que conta a día de hoxe o Concello, grazas á política de redución da débeda dos últimos anos, que permite agora dispor desta posibilidade para facer fronte á crise xerada polo COVID-19 e así poder manter capacidade de seguir investindo e mellorando os servizos públicos.